Proxecto desenvolto nos outonos de 2021 e 2022
A necesidade social da que partimos relaciónase con dúas cuestións de plena actualidade en Galicia: crise ecosocial e abandono do medio rural. O discurso xeneralizado na poboación sobre tales problemáticas está directamente relacionado co currículum oculto dos libros de texto, pois constrúen parte do imaxinario que se transmite nas escolas sobre a ecoloxía e o medio rural.
Da mesma maneira que estudos previos elaborados por Verdegaia e por Ecoloxistas en Acción atoparon un currículum oculto anti-ecoloxista nos libros de texto, outros estudos tamén atopan unha “infrarrepresentación” do medio rural ou unha simplificación deste. Esta invisibilización ten efectos negativos sobre a contorna rural ao dificultar, entre outras cuestións, a fixación da poboación, debido a que promoven unha visión do rural como lugares alleos, con pouca diversidade e/ou unicamente para o consumo de actividades de lecer concretas.
Deste xeito, a necesidade a abordar neste proxecto é a análise do discurso sobre o medio rural que, como currículum oculto, se está a trasladar aos mozos e mozas nas escolas, a fin de concienciar a educadoras/es da importancia de adoptar unha actitude crítica sobre a cuestión e promover debates que impliquen a toda a comunidade educativa: familias, alumnado, centros e tamén editoriais de libros de texto.
No outono de 2021, o alumnado elaborou unha análise crítica dos libros de texto, cuxos resultados están pendentes de ser publicados.
No outono de 2022, novo alumnado fixo un traballo de dinamización de actividades interactivas para acompañar ó alumnado do CPR Emma de Santiago na reflexión e deconstrución-reconstrución do seu coñecemento sobre o medio rural.
Este traballo quedou documentado en instagram e twitter baixo a conta @edusonte_.