A Rede ReVOLTA é sen dúbida un referente para a Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural.
Unha acción colectiva e crítica exemplar para iniciar a lavor de revoltar que temos por diante:
Co libro Revoltando á terra preténdese favorecer un debate necesario sobre o mundo rural hoxe en día. O obxectivo deste libro é tratar de elaborar un novo discurso sobre o mundo rural e/ou agrario galego, coherente e plural á vez, un novo relato para o agro que parte da experiencia común dos oito grupos de investigación participantes na rede REVOLTA de agroecoloxía, da que xorde este traballo. Esta obra é o resultado dun experimento, dunha escrita colaborativa. Durante dous días, nove investigadores da rede ReVOLTA de agroecoloxía xuntáronse para elaborar de forma colectiva este traballo. A través da metodoloxía do book sprint creouse unha obra en común, que racha coa tradicional redacción de textos por separado. Grazas a esa metodoloxía procurábase que emerxera a intelixencia colectiva dos Investigadores da Aldea que participaron neste experimento. O libro Revoltando á terra, reiventando o rural traza un diagnóstico do mundo rural e agrario galego actual; así como aporta un novo marco teórico do que botar man e recolle unha selección de 10 experiencias innovadoras que teñen abrollado no pais ao longo dos últimos anos e que poden servir de exemplo para ser replicadas noutros contextos.